Tuesday 07 de May de 2024

Touro acolle do 9 ao 13 de agosto “A Vila do Mañá”, un proxecto para transformar a imaxe da vila de Fonte Díaz coa implicación da mocidade e “traballando a literatura galega”


_A iniciativa educativa intervirá no espazo urbano a través de grafitis nos muros das rúas do Concello de Touro que levan o nome de literatos galegos

O Concello de Touro acollerá do 9 ao 13 de agosto de 2021 ‘A Vila do Mañá’, un proxecto educativo que pretende transformar a imaxe da vila de Fonte Díaz coa implicación da veciñanza moza, a partir dos 10 anos. ‘Traballando a literatura galega’ é o título que leva esta iniciativa que intervirá no espazo urbano de Fonte Díaz a través de grafitis feitos nas paredes, muros e balados das rúas que levan o nome de literatos galegos: Rúa Castelao, Rúa Rosalía de Castro, Rúa Blanco Amor, Rúa Martín Codax, Rúa Eduardo Pondal, Rúa Ramón Cabanillas e Rúa Curros Enríquez.

Sandra González, creadora da Vila do Mañá e arquitecta do proxecto, presentou hoxe en Fonte Díaz esta iniciativa educativa que pretende que desde a mocidade, a veciñanza do Concello de Touro tome conciencia de todas as escalas do común: a arquitectura, o patrimonio, o urbanismo e a paisaxe. “A nosa intervención pretende que Galicia teña vilas, entre elas Fonte Díaz, máis sostibles e comprometidas”. A Vila do Mañá, que comenzou a súa andaina no ano 2016 en Rianxo, vai dirixida a mozos e mozas a partir dos dez anos. “Queremos xerar nos participantes que nos acompañen unha nova identidade”, engadiu Sandra González, quen destacou a importancia de “ter o poder de transformar o espazo”.

“O noso proxecto adáptase ás peculiaridades de cada vila; e para o Concello de Touro temos un proxecto propio, onde os grafitis e a literatura galega serán os protagonistas”, apuntou Sandra González, quen estivo acompada hoxe en Touro por Santiago Rojo, especialista en ecoloxía urbana. A Vila do Mañá conta coa colaboración de Normalización Lingüística da Xunta de Galicia. Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Cultura e Educación, Adela Iglesias, destacou a importancia que para o Concello de Touro supón que os máis novos “estén presentes de forma activa nos procesos de construcción do espazo común”. Ao seu xuizo, este proxecto permite “darlles as ferramentas necesarias para desenvolver a súa creatividade dende a arte e a arquitectura, con fin de provocar neles unha unha nova mirada, ao tempo que se xeran vínculos de identidad ecos espazos nos que habitan”.

A Vila do Mañá en Touro desenvolverase do 9 ao 13 de agosto de 2021, en horario de mañá, de 10.00 a 14.00 horas. O número de participantes previsto: 40. Os interesados en participar poderán inscribirse nos teléfonos 981.814.566 ou 981.504.029 o no seguinte correo electrónico: cultura@concellodetouro.gal.